O programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello e o Club Btteiros Cova da Serpe, reuniu a 30 participantes na ruta do pantano de San Xoán, celebrada o pasado domingo 10 de novembro.

Esta foi a sétima saída do programa e contou cun percorrido de 20 quilómetros pola área recreativa do pantano de San Xoán e pola serra de Montouto que deu comezo ás 10:00 horas.

Inicialmente, a ruta contaba cun número maior de persoas inscritas, pero finalmente foron 30 as que participaron nesta saída que estivo marcada polas choivas que caeron na zona durante a fin de semana. Aínda así, as precipitacións non foron protagonistas durante o tempo que durou o percorrido.

O programa ‘BTTeando por Guitiriz’ contará cunha saída máis antes de que remate o ano, coa Ruta de Fin de Ano o próximo 29 de decembro.