abril 13, 2025
Este domingo, 13 de abril, celebrarase a terceira saída da sétima edición do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello e o Club Btteiros Cova da Serpe. Nesta ocasión, será a quenda da Ruta da Feira de Parga, cun percorrido duns 20 quilómetros aproximadamente pola contorna de Parga e San Breixo, amosando o encanto desta tradicional feira.
A saída está programada ás 10:00 horas desde o Colexio de Parga, mesmo punto onde será a chegada. Será un itinerario con pouco desnivel, uns 300 metros aproximadamente, e apto para todos os públicos. Coma sempre, esta ruta está aberta ao público en xeral, pero os menores de idade deberán ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco, así como aconsellable equiparse cunha peza de froita e levar auga.
Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe. As inscricións estarán abertas ata o xoves, día 10 de abril.