mayo 11, 2025
Este domingo, 11 de maio, celebrarase a cuarta saída da sétima edición do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello e o club Btteiros Cova da Serpe. Nesta ocasión será a quenda da saída ‘A Chave de Bascuas’, que será a última antes do verán, cando se fará unha pequena pausa ata o próximo mes de outubro.
A saída está programada ás 10:00 horas desde Bascuas, na parroquia de San Salvador, mesmo punto onde será a chegada. Como sempre, esta ruta está aberta ao público en xeral, pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco, así como aconsellable equiparse cunha peza de froita e levar auga.
Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe. As inscricións estarán abertas ata o xoves anterior a cada saída programada, neste caso ata o xoves 8 de maio.