marzo 16, 2025
Este domingo, 16 de marzo, celebrarase a segunda saída da sétima edición do programa ‘BTTeando por Guitiriz’, organizado polo Concello e o club Btteiros Cova da Serpe, que visitará un dos puntos máis icónicos do municipio: a Cova da Serpe.
A saída está programada ás 10:00 horas desde a Escola das Negradas, mesmo punto onde será a chegada. Como sempre, esta ruta está aberta ao público en xeral, pero os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa responsable adulta. É obrigatorio levar casco, así como aconsellable equiparse cunha peza de froita e levar auga.
Para participar hai que anotarse previamente no Concello ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe. As inscricións estarán abertas ata o xoves anterior a cada saída programada, neste caso ata o xoves 13 de marzo.
Será un itinerario que levará aos participantes cara o punto máis alto do municipio, cun pouco máis de desnivel do habitual pero igualmente apta para todos os públicos. Ademais, ofrecerase apoio se a subida se fai máis complicada.